II Xornada do ciclo de Urbanismo e Participación: O DEREITO Á VIVENDA

O vindeiro sábado 1 de febreiro, a partir das 17:00 h., terá lugar a II Xornada do ciclo Urbanismo e Participación, baixo o título O dereito á vivenda.


Vivir é un dereito, ter casa tamèn
, por Héctor Tejón
Xúntanse números co mesmo ritmo que se invisibilizan realidades. 300.000 vivendas baleiras son activos financieiros que desangran a historia económica de Galicia. O abstracto dereito a propiedade instaurase no social, antes que o concreto dos non-dereitos ás nosas vidas se non temos cartos. Reflexionamos no momento do desafiuzamento sobre a historia condicionada e esquencida das voces silenciadas. Por iso re-pensamos. Por iso, movémonos.

Alternativas non especulativas de acceso á vivenda: as cooperativas uruguaias, por Jimena Varela
O sistema do cooperativismo por axuda mutua nace en Uruguai nos anos 60, e na súa longa andadura tense convertido, por medio da federación que as aglutina, nun poderoso movemento social e actor político. Trátase de moito máis que construir vivendas, levando servizos e equipamentos aos barrios onde se sitúan, e fortalecendo lazos de solidariedade entre a sociedade fronte ao modelo individualista imperante. Faremos un repaso das tipoloxías de cooperativas, das claves do seu éxito e das potencialidades e problemáticas que afrontaría unha adaptación do modelo en Galicia.

Proxección de Ficción inmobiliaria, do colectivo Hand Left Rotation
Neste collage de ficcións no que a cidade e os seus habitantes son os protagonistas, escóndese o rexistro dos conflictos urbanos asociados ao modelo socioeconómico dunha época. Do mesmo xeito, os seus desenlaces proxectan un abanico de solucións só limitadas pola imaxinación. Quizais podamos apreciar o cine de ficción polas súas revelacións documentais e darlle novas resonancias e significados a este suxerente orde narrativo.

Qué distingue a xentrificación doutros procesos de especulación inmobiliaria, por Xoán Mosquera.
A xentrificación aparece coma o último rostro dunha longa historia de obtención de renda privada a partir dos procesos de renovación urbana. Nas cidades postindustriais o valor inmobiliario de explotación vai directamente conectado á producción de vida social coma renda de monopolio. A expectativa sobre o solo xa non se limita á relación entre o control da súa titularidade e a localización dentro da trama urbana, mais ben agora centra a súa atención sobre o plusvalor que proporciona unha determinada rede de convivencia e afectos que compoñen iso que chamamos veciñanza.

Se outros procesos de desenrolo urbano exemplifican ben o libre fruxo de capitais dunha econonmía neoliberal, na xentrificación brilla particularmente a globalización do fruxo de ideas productoras de vida social. A xentrificación encarna con mais complexidade que calquera outro proceso urbano, a alimentación que a economía da globalización precisa da reformulación do que entendemos coma local.

Se o que caracteriza este tipo de proceso, é partir da apropiación do atractivo ‘ambente urbano’ que produce unha determinada rede de convivencia (barrio), asociado á actividade da vangarda social dos sectores productivos mais característicos da economía postindustrial: onde arrincarían as complicidades e consentementos para este proceso? Nun proceso deste tipo, quén podemos considerar coma o primeiro axente xentrificador? Cando estamos na necesidade de redefini-lo concepto de clase, é plantexable a súa contestación coma loita de clases?

Tags: