‘Actos’

‘Crónica do chan’, de Alberto Lema

O vindeiro venres, 12 de setembro, ás 20 horas, estará connosco Alberto Lema para presentar o seu último libro de poemas, Crónica do chan.
Canda el, estarán: a crítica Ana Salgado, o profesor Iago Castro e o editor de Corsárias, Pepe Árias.

Aquí podedes ler o limiar que Xabier Cordal escribiu para o libro. E aquí a entrevista que Montse do Pico realizou ao autor co gallo da publicación de Crónica do chan. Gústanos extraer esta pequena parte:
É unha ‘Crónica do chan’ porque se escribe desde o chan, desde a fronteira entre a clase baixa e o chan. Desde a óptica do lumpenproletariado, esa palabra que xa non se leva pero que é cada vez máis descritiva da realidade. Era esta a idea?
O chan é un xeito un tanto dramático pero penso que bastante xusto de describir experiencias que teñen a ver co traballo, é dicir, coa vivencia da explotación e o sometemento que case todos nós compartimos, así como coa conciencia da orixe nun lugar, dalgún xeito, cercado. Eu chamaríalle máis ben clase traballadora que lumpen, o lumpen pode chegar a ter moitos cartos, pero as súas condicións de existencia priváronos de calquera posibilidade de solidariedade, de irmandade.

10600613_268400156703288_7169968940578826922_n

“Políticamente incorreta”, de Teresa Moure

O próximo venres, 9 de maio, ás 20:30 h., a escritora Teresa Moure presenta o seu libro de ensaios, Politicamente Incorreta, acompañada polo filósofo Francisco Sampedro. 

Uma mulher é politicamente incorreta quando diz o que não se espera dela e, ainda mais, quando pronuncia uma verdade não admitida pela opinião pública, pelo felizmente acordado no consenso social.
Ler máis.

77 anos do asalto ao Bou Eva

77 Aniversario do asalto ao bou Eva

Na madrugada do 23 de abril de 1937, oito homes e unha muller morreron nun dos episodios máis estarrecedores da represión franquista: o asalto ao bou Eva na ría de Vigo. Eran catro comunistas -Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, parella de 30 e 24 anos; Luís Álvarez González, obreiro de Barreras de 30 anos e Camilo Campos Méndez, barbeiro de 33 anos-; tres socialistas -Manuel Martínez Moroño, mariñeiro de 44 anos, e os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo, albaneis de 37 e 30 anos; máis dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao -José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao-.

Sabemos que a intención dos fuxidos era chegar a Francia e, desde alí, trasladarse a algún enclave republicano da España en guerra, como de feito xa fixeran con éxito outras fugas desde o peirao de Vigo. Porén, estes nove antifascistas que, como apunta Manuel Bragado no seu artigo Bou “Eva” publicado no Faro de Vigo en 2012, representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas membros da Garda Civil e da Policía que arrimaron un buque desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os antifascistas non saían, verteron auga fervendo no interior e foi entón cando se escoitaron os disparos procedentes do Eva. Os fuxidos decidiron poñer fin ás súas vidas antes que entregarse para seren torturados e asasinados polos inimigos da democracia. Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, agás Ángel Nogueira, que o tiña na dereita, se ben son numerosos os aspectos aínda por coñecer sobre o acontecido no interior do bou. Este despiadado ataque fascista provocou o maior suicidio colectivo da Guerra Civil e, con todo, foi agochado durante o franquismo e silenciado pola oligarquía política que trazou a Transición, aínda que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica “Unha morte lanzal”, publicada na revista Nova Galiza, en Barcelona, en xuño de 1937. Posteriormente, darían conta tamén nas súas obras poéticas Valentín Paz Andrade e Anxo Angueira.

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo ollamos cara ao peirao do Berbés e decidimos que calquera cousa que fósemos quen de iniciar levaría por diante o nome do bou Eva: na súa memoria antifascista, símbolo de unión e dignidade, debía sementarse o futuro. Así, en xuño de 2011 comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva, situada no Terzo de Fóra, ruela entre rúas, aparcadoiro ou carreiro de asfalto para o que ninguén mira, serpe por debaixo da cidade como por baixo de Vigo latexan desde abril do 37 os nove corazóns antifascistas. Con sorrisos e traballo colectivo, coas portas abertas para o debate desde abaixo, o bou Eva continúa a travesía. Por iso, a Asociación Cultural Bou Eva tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés. Ademais, o vindeiro venres, 25 de abril, ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 aniversario do asalto ao Bou Eva.

Alberto Mvundi en concerto!

Alberto Mvundi (Angola, 1970) é autor, compositor, intérprete e multiinstrumentista (guitarra, armónicas, percusión). O músico non pode nin quere esquecer Angola. Nos seus temas está presente unha chamada á convivencia entre as diferentes culturas. A familia que ficou atrás, os soños de todo emigrante na procura de futuro en Europa, convértense en música que interpreta en portugués ou en kimbundu, a súa lingua africana… Eu vin de là, da África profunda onde a gente canta a pesar do sufrimento.

Pertence a unha nova xeración de músicos angolanos que teñen Lisboa e non Luanda como referente urbano, asumindo outras músicas (rock, jazz) e outros instrumentos sen perder a identidade. Ritmos étnicos coma o kizomba, o kilapanga ou o semba, reggae, mornas… Conforman o seu universo esperanzado, entre Angola e Portugal, agora aterrando en Vigo.

Aquí unha pequena mostra do seu traballo.

Historia do centro social Tabacalera

O vindeiro sábado 12 de abril, ás 20:30h, terá lugar no local do Bou Eva un encontro con Silvia Villar, procedente do centro social Tabacalera, de Lavapiés (Madrid), no que intercambiaremos experiencias das relacións coa veciñanza e proxectos de traballo no ámbito do asociacionismo de base.
Para desenvolver ese debate, animamos á participación dos distintos centros sociais da cidade, desde os seus distintos ámbitos de actuación e puntos de vista, coa finalidade de chegarmos a conclusións enriquecedoras para todas.

O dereito ao aborto

O vindeiro sábado 22 de febreiro a partir das 19:30h., celebraremos un encontro arredor do dereito a decidir das mulleres sobre os nosos corpos e, en definitiva, sobre as nosas vidas.
19:30 h.: Proxección do documental arxentino Clandestinas, sobre a problemática que viven as mulleres ao vérense obrigadas a decidir sobre os seus corpos nun contexto de clandestinidade. 
20:00 h.: Charla-debate coa Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (Vigo), coa sindicalista e activista social Laura Bugalho e coa xinecóloga Isabel Blanco. 


Estamos a vivir nunha situación na que as mulleres vemos como os nosos dereitos sexuais e reprodutivos están a ser atacados, e no que non se nos deixa decidir sobre o noso corpo. Hoxe a loita feminista cobra moita máis importancia non só para combater as políticas de cortes da dereita, senón tamén na defensa das nosas liberdades, de ser nais ou de non selo, de ter dereito a un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública.

II Xornada do ciclo de Urbanismo e Participación: O DEREITO Á VIVENDA

O vindeiro sábado 1 de febreiro, a partir das 17:00 h., terá lugar a II Xornada do ciclo Urbanismo e Participación, baixo o título O dereito á vivenda.


Vivir é un dereito, ter casa tamèn
, por Héctor Tejón
Xúntanse números co mesmo ritmo que se invisibilizan realidades. 300.000 vivendas baleiras son activos financieiros que desangran a historia económica de Galicia. O abstracto dereito a propiedade instaurase no social, antes que o concreto dos non-dereitos ás nosas vidas se non temos cartos. Reflexionamos no momento do desafiuzamento sobre a historia condicionada e esquencida das voces silenciadas. Por iso re-pensamos. Por iso, movémonos.

Alternativas non especulativas de acceso á vivenda: as cooperativas uruguaias, por Jimena Varela
O sistema do cooperativismo por axuda mutua nace en Uruguai nos anos 60, e na súa longa andadura tense convertido, por medio da federación que as aglutina, nun poderoso movemento social e actor político. Trátase de moito máis que construir vivendas, levando servizos e equipamentos aos barrios onde se sitúan, e fortalecendo lazos de solidariedade entre a sociedade fronte ao modelo individualista imperante. Faremos un repaso das tipoloxías de cooperativas, das claves do seu éxito e das potencialidades e problemáticas que afrontaría unha adaptación do modelo en Galicia.

Proxección de Ficción inmobiliaria, do colectivo Hand Left Rotation
Neste collage de ficcións no que a cidade e os seus habitantes son os protagonistas, escóndese o rexistro dos conflictos urbanos asociados ao modelo socioeconómico dunha época. Do mesmo xeito, os seus desenlaces proxectan un abanico de solucións só limitadas pola imaxinación. Quizais podamos apreciar o cine de ficción polas súas revelacións documentais e darlle novas resonancias e significados a este suxerente orde narrativo.

Qué distingue a xentrificación doutros procesos de especulación inmobiliaria, por Xoán Mosquera.
A xentrificación aparece coma o último rostro dunha longa historia de obtención de renda privada a partir dos procesos de renovación urbana. Nas cidades postindustriais o valor inmobiliario de explotación vai directamente conectado á producción de vida social coma renda de monopolio. A expectativa sobre o solo xa non se limita á relación entre o control da súa titularidade e a localización dentro da trama urbana, mais ben agora centra a súa atención sobre o plusvalor que proporciona unha determinada rede de convivencia e afectos que compoñen iso que chamamos veciñanza.

Se outros procesos de desenrolo urbano exemplifican ben o libre fruxo de capitais dunha econonmía neoliberal, na xentrificación brilla particularmente a globalización do fruxo de ideas productoras de vida social. A xentrificación encarna con mais complexidade que calquera outro proceso urbano, a alimentación que a economía da globalización precisa da reformulación do que entendemos coma local.

Se o que caracteriza este tipo de proceso, é partir da apropiación do atractivo ‘ambente urbano’ que produce unha determinada rede de convivencia (barrio), asociado á actividade da vangarda social dos sectores productivos mais característicos da economía postindustrial: onde arrincarían as complicidades e consentementos para este proceso? Nun proceso deste tipo, quén podemos considerar coma o primeiro axente xentrificador? Cando estamos na necesidade de redefini-lo concepto de clase, é plantexable a súa contestación coma loita de clases?

Proxección do documental ‘Carga de dignidade’

O vindeiro venres 31 de xaneiro, ás 20:30 h., proxectarase, por primeira vez en Vigo, o filme Carga de dignidade, que recolle unha acción artística popular na que miles de
persoas de Ferrol encheron de pezas de roupa máis de mil metros da reixa de Navantia.
O documental, dirixido por Xosé Bocixa, recolle os feitos que tiveron lugar o pasado 2 de xuño de 2013, cando unha acción unitaria, insólita en Ferrol, onvocada polo colectivo de creadores Radio Buguina co apoio de máis de 30 organizacións de Ferrolterra, conseguiu que varios milleiros de persoas se achegaran á reixa de Navantia para pendurar unha peza de roupa.
Seguindo o exemplo dos buzos de traballo que os despedidos tiñan espetado nos ferros que cercan a factoría, os cidadáns de Ferrol conseguiron encher con roupa máis dun quilómetro de valado nunha acción artística e reivindicativa a prol do Naval.
Durante a acción, Radio Buguina emitiu un programa de radio con varias entrevistas e a música ao vivo de Mercedes Peón, María Manuela e moitos máis. A día de hoxe a reixa segue viva, coas pezas de roupa aínda penduradas e degradadas polo paso do tempo.
O filme será presentado polo seu director, Xosé Bocixa, ademais de por outros membros de Radio Buguina: o escultor Pepe Galán, o profesor Anxo Varela e o deseñador Pepe Barro. Tamén contaremos coa presenza do escritor Anxo Angueira.

Pódese ver a promo do documental aquí.


O bosque é grande e profundo

O vindeiro venres 10 de xaneiro, ás 20:00 h., terá lugar a presentación da última novela de Manuel Darriba, O bosque é grande e profundo. Canda o autor, estará Fran Alonso, por Edicións Xerais.

“O bosque, eido primario onde a natureza impón o seu poder, está a ser penetrado por hordas de refuxiados de guerra. Proceden da Cidade, trasunto de civilización sepultada baixo a barbarie. Dous irmáns-paradigma, Hans e Greta, encarnan de seu a aprendizaxe da crueldade e o asedio á inocencia. Obra polimorfa, de múltiples rexistros (do western apocalíptico ao relato de iniciación) que se ensamblan nunha estrutura de sinfonía atonal. Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real.”, + Info