‘Actos’

Defender os dereitos, construír a dignidade

Antes de clausurar o ano coa xa tradicional festa no Bou Eva, non queremos deixar pasar a oportunidade de xuntar algúns dos colectivos máis activos na defensa dos dereitos (laborais, servizos públicos, vivenda) atacados polo Goberno. O vindeiro sábado 28, ás 20 h., falaremos con eles sobre a valoración que fan do seu traballo no último ano, os problemas e as conquistas que acadaron, e tamén sobre a situación que se presenta para os vindeiros meses.

O Valego, de Xosé Henrique Costas

O vindeiro xoves 12 de decembro, ás 20 horas, teremos ocasión de escoitar e de conversar co profesor Xosé Henrique Costas sobre as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura).
“Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso.”, de Brétemas, o blog de Manuel Bragado.

Luzes – Xornalismo que conta

mércores 20 de novembro, ás 20 h.: o equipo de dirección da revista Luzes, encabezado por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, desprázase ao local da Asociación Cultural Bou Eva para presentar o proxecto e compartir un coloquio con quen se anime.

Soberanía alimentar, agricultura e alternativas

É razoábel que a alimentación sexa un patrimonio case exclusivo das grandes distribuidoras? Quen pon os prezos dos alimentos? O medio rural é un negocio ao modo capitalista, ou un residuo do pasado que cómpre revitalizar? Modernidade ou retorno, sector agrario ou simple sector económico. Planificación dos recursos fronte ao negocio multinacional.
O rural é unha oportunidade de futuro, pero non só ao modo de produción tradicional, senón como un concepto onde cabe debate, onde cómpre elaborar e pór en marcha iniciativas que muden unha situación actual que se voltou caótica.
A Soberanía Alimentaria como pretexto necesario para elaborar un novo discurso encol do funcionamento agrario e alimentario; a ordenación e xestión dos recursos para garantir o dereito á alimentación dos pobos e os servizos necesarios para as persoas que viven no rural. O rural nun debate imprescindíbel.

Disto e de máis, o sábado 26 ás 20 h. con Árbore, cooperativa de consumo afincada en Vigo; Mariam Ferreira Golpe e Óscar Antón Pérez García, especialistas na análise e no traballo destas cuestións.


Memoria de 1975

LOITA POLA LIBERDADE: REPRESIÓN E ASASINATOS DO ESTADO.

Este venres 27 de setembro ás 20h, con motivo do XXXVIII aniversario do asasinato de Baena, Sánchez Bravo, García Sanz, Txiki e Otaegui, organizamos unha charla coa presenza de Manuel Blanco Chivite e Pablo Mayoral Rueda, condeados, un a morte e outro a 30 anos, no xuízo farsa de setembro de 1975.

Galiza Ano Cero

Xoves 27 de xuño ás 20:00 horas

Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres.
Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.

Galiza Ano Cero é un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet
Galiza Ano Cero é unha comunidade aberta
Galiza Ano Cero é un banco de tempo administrado colectivamente pola comunidade
Galiza Ano Cero é unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión
Galiza Ano Cero é un portal web, www.galizaanocero.tv, e unha constelación de redes sociais
Galiza Ano Cero está a piques de comezar a emitir dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas

Máis: http://www.galizaanocero.tv/

50 anos, 50 autores, 365 días en galego

Os Centros Sociais de Vigo celebramos e reivindicamos O Día das Letras Galegas este sábado 18 de maio ás 12h na Praza da Vila cun recital de poesía, teatro, libros infantís de balde para cativ@s, foliada con música ao vivo… Para homenaxear desta volta a Roberto Vidal Bolaño e os/as 50 autores/as que o precederon.

Presentación do poemario Fase de Trema

Este venres 3 de maio, ás 20:30 horas, a poeta Lorena Souto vénnos presentar a súa obra Fase de trema, coa que gañou a XXIV edición do Premio Pérez Parallé. Con ela estará a crítica literaria Antía Marante.

 

Presentación da revista A Boia

http://aboia.info/

O próximo martes día 30 a partir das 8 da tarde, faremos unha pequena festa de presentación no Bou Eva ( rúa Terzo de Fóra 13) para presentar  A Boia en sociedade.

 

Ademáis de falar un pouco deste proxecto que intentamos sacar adiante, poderedes disfrutar de grata compañía, bebidas frías e petiscos. Tamén da actuación de María Lado e Lucía Aldao e do seu espectáculo recitado.

 

Así que xa tedes plan para o martes pola tarde/noite, antes do día do traballo, FESTA!!!

 

A Boia