‘Cine’

A partir de agora: todos os martes, cine no bou!

Logo da exitosa sesión de cine do pasado martes co documental A revolución non será televisada, decidimos convertilo en habitual e proxectar un filme cada semana.

Coincidindo coa recente data do 20 de novembro, este martes proxectaremos o documental biopic sobre Santi Brouard: Santi Brouard. Euskal Herria osagai. Duintasuna omen. Brouard, secretario xeral de HASI, un dos fundadores de HB e un activista incansable durante toda a súa vida pola liberdade e a xustiza social do seu país, foi asasinado polo Estado Español un 20 de novembro de hai 27 anos, curiosamente a mesma data que escolleron tamén para asasinar, anos máis tarde, a outro importantísimo actor político da esquerda abertzale como foi Josu Muguruza. A súa vida, a súa loita, a súa dedicación profesional ao servizo do seu pobo e a súa morte son contadas neste documental por familiares, amigos e compañeiros de Brouard, ao tempo que se bosquexan os pasos que a esquerda abertzale tivo que dar ao longo da súa historia deica a conformación dunha ampla e cohesionada fronte de masas que desembocaría, a principios dos 80, na fundación de Herri Batasuna.

Martes 22 de novembro ás 20:00h

II Encontro dos ex-mariñeiros do Banco Canario-Sahariano

Tralo éxito do I Encontro dos ex-mariñeiros do Banco Canario-Sahariano que tivo lugar o mes pasado en Cangas, convidamos á xente de Vigo a que participe deste II Encontro, que terá lugar o vindeiro xoves 17 ás 20:30h no Centro Social Bou Eva.

Visualizarase tamén unha parte do documental que Galiza Contrainfo está a facer, no que se rememoran os feitos acontecidos.

 

Reproducimos aquí o chamamento ó I Encontro:

Un grupo de mariñeiros do Morrazo hoxe xubilados que no seu día traballamos no Banco Canario Sahariano, desde fai algún tempo iniciamos un proxecto de recuperación documental sobre a presencia galega nos mares do Sahara Occidental.

Este traballo previsto desde agora ó 2013, abarcará distintas fases: arquivo documental, unha exposición e edición dun album coa participación de vinte fotógrafos de prensa e rematará coa elaboración dun documental de TV.

No proxecto poremos especial énfasis no enfoque social e reivindicativo manifestado no periodo 1980-2000, e que se deu en chamar a loita dos mariñeiros do Banco Canario-Sahariano, e que protagonizou durante dúas décadas a vida social dos pobos do Morrazo.

Para este traballo de recuperación deste cachiño de Historia, queremos contar coa participación de todos aqueles que viviron a reivindicación do Buque Hospital (1980), os que sufriron os ametrallamentos ou secuestros (1975-1983), os que estiveron na Folga polo Convenio Colectivo (1988), os protagonistas da loita polo Acordo Pesqueiro (1995), ou os que reivindicaron na rúa as medidas sociais de acompañamento (1999).

Sesión de cine no Bou Eva

Martes 15 de novembro ás 19:30

Estreamos a sesión de cine dos martes no Bou Eva co documental A REVOLUCIÓN NON SERÁ TELEVISADA (2003) dirixido polos irlandeses Kim Bartley e Donnacha O’Briain sobre o golpe de estado que se produciu en Venezuela e que os medios manipularon. Agora,  temos a oportuniade de ver o acontecido en abril do 2002, cando o presidente electo Hugo Chávez foi secuestrado durante 72 horas por un grupo reaccionario que  tentou tomar o poder pola forza.

Proxeción de “Carapuchiña e o pobo feroz”

Mañá, xoves 27 ás 21:00

Tralo éxito na presentación no MARCO desta curtametraxe nacida na Escola de Audiovisuais de Bouzas, e rodada na súa maioría no Morrazo, temos o pracer de voltar a proxectala para todas aquelas persoas que aínda non a viron.

Contaremos coa presenza do seu director, Jose Araújo, que nos explicará as dificultades coas que se atopou na fase de produción e que comparten tamén outros creadores de Galiza.

Presentación do documental ¨PUERTAS AL MAR¨

Este domingo ás 5 e media da tarde proxectaremos no Bou Eva o documental “Puertas al mar”, que narra a situación dos pescadores palestinos na Gaza asediada polo exército e a mariña israelíes. Despois haberá unha palestra cos directores, Nacho García e Inés Grocín, cooperantes en Gaza e loitadores pola liberdade en Palestina.

Patrimonio industrial e propiedade privada

Este xoves 25 de agosto ás 20:00h,  o colectivo “Entremos na panificadora” dará unha charla no centro social Bou Eva sobre patrimonio industrial e propiedade privada, onde se proxectará o documental ¨Panificadora¨, no que se mostra a situación actual do emblemático edificio vigués abandoado.

Despois haberá un debate nunha mesa redonda con viño e empanada.

Non podedes faltar!