‘Ecoloxía’

Roteiro histórico-natural polas terras do Umia

O domingo 1 de xuño camiñaremos o sendeiro da Ponte do Ramo (6,51 km), que se encontra na parroquia de Cequeril, concello de Cuntis. É unha ruta de interese natural, histórico e etnográfico que será guiada polo escritor e ilustrador Héitor Picallo. Á súa fin, faremos unha churrascada.

A participación é libre, só hai que apuntarse enviando un correo a: acboueva@gmail.com ou unha mensaxe a https://www.facebook.com/boueva

O plan é o seguinte:
-10:30h: Saída de Vigo (do Reitorado, rúa Areal, compartindo coches particulares).
-11:30h: Inicio do sendeiro da Ponte do Ramo (Cequeril-Cuntis).
-14:30h: Xantar comunal na antiga Casa de Asorei, onde cociñaremos o churrasco que levamos desde Vigo.
-18:00h: Paseo pola parroquia de Cequeril ou longa sobremesa.
-20:00h: Regreso a Vigo

Xornada I: Facer noso o patrimonio. A quen pertence a memoria?

Facer noso o patrimonio. A quen pertence a memoria?


Achega virtual ao patrimonio de Vincios e da serra do Galiñeiro. Iago Valverde. Cartografías sensibles.
Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro. Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

O Patrimonio dos vencidos: arqueoloxía en comunidades subalternas. Xurxo M. Ayán Vila.
A partir da nosa experiencia etnoarqueolóxica e de Arqueoloxía do Pasado contemporáneo en Etiopía, Chile e Guiné Ecuatorial intentaremos amosar a complexa realidade da Xestión do Patrimonio en contextos rururbanos coloniais e postcoloniais. O papel do Estado e da ciencia nesas realidades non é moi diferente da política “desarrollista”e tecnocrática desenvolta en España no século XX, marcada pola minusvaloración das comunidades campesiñas e a anulación de práticas democráticas comunitarias. Este proceso histórico desenvolveuse tamén coa oposición e resistencia dos grupos subalternos. Neste senso interpretamos os modelos alternativos de xestión do Patrimonio que están xurdindo dende abaixo en Galicia nos últimos anos, algúns dos cais se recollen na segunda parte desta nosa ponencia.

Arqueoloxía social, comunicación pública e redes interactivas: tres experiencias complementarias. Manuel Gago
O patrimonio cultural é por definición un ben e equipamento público e, xa que logo, suxeito a determinadas condicións de transparencia; pola natureza científica da súa intervención, é preciso ferramentas e estratexias de divulgación que non só difundan coñecemento, senón que abran o debate a nivel social cal é a función e o rol dese equipamento público na comunidade e no territorio no que se asenta. A través de tres experiencias de difusión pública levadas a cabo en Galicia, abrimos unha reflexión sobre a construción de discursos científicos e populares e a recuperación de sitios arqueolóxicos na Galicia rural.

Patrimonio Expandido? Experiencias e propostas colaborativas para a súa re-activación. María Masaguer
Expandir o patrimonio, facer que ocupe máis espacio e que chegue a maior número de persoas. pero tamén convertilo nunha ferramenta de traballo para reflexionar e decidir sobre o territorio. O patrimonio entendido non como obxecto senon como coñecemento. Falaremos de Bicomún, como a proposta dunha categoría mancomunada de protección patrimonial, e das grafías semánticas-cartografías colaborativas, como unha fórmula colectiva de entender a relación pasado-presente-futuro.

Defender os dereitos, construír a dignidade

Antes de clausurar o ano coa xa tradicional festa no Bou Eva, non queremos deixar pasar a oportunidade de xuntar algúns dos colectivos máis activos na defensa dos dereitos (laborais, servizos públicos, vivenda) atacados polo Goberno. O vindeiro sábado 28, ás 20 h., falaremos con eles sobre a valoración que fan do seu traballo no último ano, os problemas e as conquistas que acadaron, e tamén sobre a situación que se presenta para os vindeiros meses.

Soberanía alimentar, agricultura e alternativas

É razoábel que a alimentación sexa un patrimonio case exclusivo das grandes distribuidoras? Quen pon os prezos dos alimentos? O medio rural é un negocio ao modo capitalista, ou un residuo do pasado que cómpre revitalizar? Modernidade ou retorno, sector agrario ou simple sector económico. Planificación dos recursos fronte ao negocio multinacional.
O rural é unha oportunidade de futuro, pero non só ao modo de produción tradicional, senón como un concepto onde cabe debate, onde cómpre elaborar e pór en marcha iniciativas que muden unha situación actual que se voltou caótica.
A Soberanía Alimentaria como pretexto necesario para elaborar un novo discurso encol do funcionamento agrario e alimentario; a ordenación e xestión dos recursos para garantir o dereito á alimentación dos pobos e os servizos necesarios para as persoas que viven no rural. O rural nun debate imprescindíbel.

Disto e de máis, o sábado 26 ás 20 h. con Árbore, cooperativa de consumo afincada en Vigo; Mariam Ferreira Golpe e Óscar Antón Pérez García, especialistas na análise e no traballo destas cuestións.


Unha achega ao ecofeminismo, con Tareixa Otero

Este venres 5 de xullo, a partir das 20:30 h., estará connosco Tareixa Otero para falar sobre as posibilidades do ecofeminismo para concibir un outro mundo posíbel.

Profesora de Historia, sindicalista e feminista, Tareixa Otero representou a Marcha Mundial das Mulleres en diversos encontros internacionais -Filipinas, Grecia, O Congo- e leva anos ao pé de numerosas loitas feministas, sociais e ecoloxistas: na plataforma Salvemos Monteferro, divulgando e debatendo propostas de soberanía alimentar, participando en palestras contra a LOMCE e promovendo plataformas feministas arredor do 25 de Novembro (Día Internacional Contra a Violencia de Xénero), 8 de Marzo (Día Internacional da Muller Traballadora) ou a recente Plataforma en Defensa do Aborto.

“De aquí, xusto e ecolóxico”

O proxecto De aquí, xusto e ecolóxico vertebra o traballo de diversas asociacións galegas na sensibilización e formación nas oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos como agroecoloxía, sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria.

O sábado 11 de maio, ás 19:30 horas,  compartirán o proxecto acompañadas por Yasmin Martínez da cooperativa azucareira UBPC Ricardo González del Baliño de Cuba.