‘Exposicións’

FILO-CAFÉ: A MÁSCARA

MÁSCARA

Un filo-café é un encontro libre e gratuíto, un espazo público de troca de pensamento e artes que se organiza arredor dun tema previamente escollido. Nel pode inscribirse calquera persoa que desexe facer unha intervención relacionada co tema escollido, indicando nome, lugar de orixe e área de intervención.
Neste filo-café quen queira ler un texto arredor do tema “a máscara” (nas súas diferentes interpretacións), crear un texto, traballo plástico ou musical, performance, danza… ou simplemente compartir algunha información, reflexión ou opinión que se relacione co tema proposto, poderá facelo.

As inscricións destínanse ás participacións artísticas, remitindo un correo a acboueva@gmail.com
Quen asista como público ou queira trocar ideas durante o filo-café non necesita inscrición previa.

77 anos do asalto ao Bou Eva

77 Aniversario do asalto ao bou Eva

Na madrugada do 23 de abril de 1937, oito homes e unha muller morreron nun dos episodios máis estarrecedores da represión franquista: o asalto ao bou Eva na ría de Vigo. Eran catro comunistas -Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, parella de 30 e 24 anos; Luís Álvarez González, obreiro de Barreras de 30 anos e Camilo Campos Méndez, barbeiro de 33 anos-; tres socialistas -Manuel Martínez Moroño, mariñeiro de 44 anos, e os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo, albaneis de 37 e 30 anos; máis dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao -José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao-.

Sabemos que a intención dos fuxidos era chegar a Francia e, desde alí, trasladarse a algún enclave republicano da España en guerra, como de feito xa fixeran con éxito outras fugas desde o peirao de Vigo. Porén, estes nove antifascistas que, como apunta Manuel Bragado no seu artigo Bou “Eva” publicado no Faro de Vigo en 2012, representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas membros da Garda Civil e da Policía que arrimaron un buque desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os antifascistas non saían, verteron auga fervendo no interior e foi entón cando se escoitaron os disparos procedentes do Eva. Os fuxidos decidiron poñer fin ás súas vidas antes que entregarse para seren torturados e asasinados polos inimigos da democracia. Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, agás Ángel Nogueira, que o tiña na dereita, se ben son numerosos os aspectos aínda por coñecer sobre o acontecido no interior do bou. Este despiadado ataque fascista provocou o maior suicidio colectivo da Guerra Civil e, con todo, foi agochado durante o franquismo e silenciado pola oligarquía política que trazou a Transición, aínda que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica “Unha morte lanzal”, publicada na revista Nova Galiza, en Barcelona, en xuño de 1937. Posteriormente, darían conta tamén nas súas obras poéticas Valentín Paz Andrade e Anxo Angueira.

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo ollamos cara ao peirao do Berbés e decidimos que calquera cousa que fósemos quen de iniciar levaría por diante o nome do bou Eva: na súa memoria antifascista, símbolo de unión e dignidade, debía sementarse o futuro. Así, en xuño de 2011 comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva, situada no Terzo de Fóra, ruela entre rúas, aparcadoiro ou carreiro de asfalto para o que ninguén mira, serpe por debaixo da cidade como por baixo de Vigo latexan desde abril do 37 os nove corazóns antifascistas. Con sorrisos e traballo colectivo, coas portas abertas para o debate desde abaixo, o bou Eva continúa a travesía. Por iso, a Asociación Cultural Bou Eva tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés. Ademais, o vindeiro venres, 25 de abril, ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 aniversario do asalto ao Bou Eva.

Un serán por Rosalía

O Vigo máis rosaliano presenta:

No Bou Eva, o sábado 23 de febreiro a partir das 20:00 horas, comezamos a celebrar o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e queremos que a voz da nosa poeta nacional ecoe en cada arrabalde vigués:

Achégate cos teus instrumentos para interpretar a Alborada de Rosalía e non esquezas os teus poemas favoritos da autora para facermos unha lectura… os petiscos e a foliada farán o resto!

Iria de Anxo Angueira e exposición sobre embarcacións tradicionais

Anxo Angueira virá presentar a súa última obra: Iria. Tres fíos argumentais tecen a novela que recibe o nome do vello galéon que navega polo Ulla e pola Arousa. Unha sentida homenaxe á xente do mar e da terra que retrata, con autenticidade, as súas vidas e os seus amores.

Aproveitando a presenza de Anxo Angueira, pedímoslle que sexa o anfitrión do serán e que presente os paneis sobre embarcacións tradicionais que amablemente nos empresta a Asociación de Embarcacións Tradicionais de Bouzas. Contaremos tamén coa presenza de Uxío Allo, presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais da Illa de Arousa, para poñer en valor todo o coñecemento que se vén diluíndo na vida urbana actual.

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Galicia Confidencial 

Crítica de Francisco Martínez Bouzas no Faro de Vigo

Inauguración de “Conspiranoia do país”

 

 

Araceli Paz, vénnos presentar parte da súa última obra en serigrafía. Que tenta reflexionar sobre o misticismo da cultura galega. Dende o ideario colectivo das lendas e dos contos populares peculiariza a súa visión moderna delas.

Licenciada en Belas Artes e con especialidade en gravado, está actualmente perfeccionando a técnica da serigrafía artística na Escola Municipal de Artes e Oficios co artista Nelson Villalobos. Do taller da propia escola saen as novas ilustracións que estarán expostas e a venda ata o mes de xullo.

Día da muller antimilitarista

Este xoves, 24 de Maio, ás 20h celebraremos a clausura da exposición “Museo contra a violencia de xénero” e para isto contaremos cunha palestra da mán da Marcha Mundial das Mulleres que analizará o “Gasto militar contra o gasto social”

Exposición de Bort

Este sábado 25 de febreiro ás 20:00h inauguramos exposición.  Bort é o artista e Lesións incompatibles coa vida o nome da mostra que estará no centro social até o 30 de marzo.

¨expoREPOsición¨ pinturas de Alberto Ardid

Este venres ás 8 da tarde inauguramos exposición da man do xoven artista vigués Alberto Ardid, que ademáis de presentar tres pinturas seleccionadas no Sense Títol’10 de Barcelona, presentará obra nova acompañada de petiscos e viño do país. Non volo perdades!