‘Literatura’

O bosque é grande e profundo

O vindeiro venres 10 de xaneiro, ás 20:00 h., terá lugar a presentación da última novela de Manuel Darriba, O bosque é grande e profundo. Canda o autor, estará Fran Alonso, por Edicións Xerais.

“O bosque, eido primario onde a natureza impón o seu poder, está a ser penetrado por hordas de refuxiados de guerra. Proceden da Cidade, trasunto de civilización sepultada baixo a barbarie. Dous irmáns-paradigma, Hans e Greta, encarnan de seu a aprendizaxe da crueldade e o asedio á inocencia. Obra polimorfa, de múltiples rexistros (do western apocalíptico ao relato de iniciación) que se ensamblan nunha estrutura de sinfonía atonal. Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real.”, + Info

O Valego, de Xosé Henrique Costas

O vindeiro xoves 12 de decembro, ás 20 horas, teremos ocasión de escoitar e de conversar co profesor Xosé Henrique Costas sobre as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura).
“Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso.”, de Brétemas, o blog de Manuel Bragado.

Ronseis de Salitre

Ronseis de salitre pretende ser un espazo para homenaxear a todas as persoas que traballaron na histórica fábrica de Massó ou que, con posterioridade ao seu peche, defenderon o patrimonio natural e cultural do Salgueirón.
Para iso, terá lugar unha charla, ás 19 h., con Antón Fernández, pertencente ao grupo ecoloxista Anduriña e membro do Foro Social de Cangas, e con Mariano Abalo, concelleiro da Alternativa Canguesa de Esquerdas de recoñecida implicación nos movementos sociais da vila. En que consistiron as loitas pola defensa do Salgueirón, cales foron as conquistas ou que resta hoxe da enxurrada de dignidade que amosou o pobo do Morrazo serán algunhas das cuestións que trataremos.
Porén, este encontro estaría eivado sen a posterior proxección dun documental que nos semella de relevancia fundamental: Ronseis de salitre. Realizado polo alumnado de 1º da ESO do IES Monte Carrasco de Cangas, representa unha achega profunda e reveladora á recente historia conserveira da vila. A testemuña das traballadoras, atravesada pola ollada nova dos rapaces, enchen de sentido o documento. Tras a súa proxección, teremos un coloquio cunha das súas directoras, a profesora Rosa María Varela, que se achega xenerosamente desde Lugo.

‘Ningún precipicio’, de Olalla Cociña

O xoves, 21 de novembro, ás 19 h.:
“Tenrura e crueldade, dous planos que a poeta sabe taxar con tino para que ningún dos dous chegue a molestarnos, o un por sobredose de azucre, o outro por exceso de estridencia. Aí está a poética de Cociña. O seu enxeño.” Máis.

Luzes – Xornalismo que conta

mércores 20 de novembro, ás 20 h.: o equipo de dirección da revista Luzes, encabezado por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, desprázase ao local da Asociación Cultural Bou Eva para presentar o proxecto e compartir un coloquio con quen se anime.

Presentación de “As uñas crecen”

O vindeiro xoves 18, ás 20:30 horas, Silvia Penas presentará o seu libro As uñas crecen, gañador da primeira edición do premio Lueiro Rey de poesía.

Con ela a música e os versos de CintaAdhesiva e Elvira Riveiro.

poesía+música

A poeta Elvira Riveiro, gañadora do premio de poesía erótica Illas Sisargas con Carnia Haikai, e mais a dj internacional Carina Posse abren o verán no Bou Eva cunha achega única de poesía + música + vídeo + performance

Venres 21 de xuño:

20:30 elvirariveiro+carinaposse: balada do peep show

22:00 carina posse: sesión nu jazz | deephouse | downbeat

Balada do peep show é un espectáculo que combina poesía, música, vídeo e performance para construír unha historia na que o público tamén ten o seu papel protagonista. Unha cidade anónima… un suburbio que olla cara ao mar… un amor efémero acubillado polo asfalto… un feixe de palabras que voan e se derraman… un banquete de pan e chocolate derretido entre os dedos… un sucio peep show onde descubrirse… as fauces dun escuro animal… En balada do peep show cada peza musical foi escollida para dar vida a cada verso; cada imaxe fainos reconstruír un relato feito de retallos que o/a espectador/a terá que coser cos seus ollos, cos seus ouvidos, coa súa boca… e, coma os anónimos amantes da historia, sentirá na súa pel o pracer e mais o abandono.

Monografías de Proxecto Derriba

Proxecto Derriba é unha comunidade singular. Singular porque tira os seus pulos dun aquí e dun agora concretos, malia que sente a necesidade de abrirse a todo aquilo que poida acontecer noutros lugares e contextos. Comunidade acéfala porque se forma polo conxunto de aqueles que comparten a non pertenza, porque a súa obra é a desobra.

Proxecto Derriba presentará as súas monografías de pensamento contemporáneao o venres 24 de maio ás 20 horas.

Presentación do poemario Fase de Trema

Este venres 3 de maio, ás 20:30 horas, a poeta Lorena Souto vénnos presentar a súa obra Fase de trema, coa que gañou a XXIV edición do Premio Pérez Parallé. Con ela estará a crítica literaria Antía Marante.