‘Literatura’

Un serán por Rosalía

O Vigo máis rosaliano presenta:

No Bou Eva, o sábado 23 de febreiro a partir das 20:00 horas, comezamos a celebrar o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e queremos que a voz da nosa poeta nacional ecoe en cada arrabalde vigués:

Achégate cos teus instrumentos para interpretar a Alborada de Rosalía e non esquezas os teus poemas favoritos da autora para facermos unha lectura… os petiscos e a foliada farán o resto!

Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

Que? O libro titúlase carnia haikai e vén de ser publicado na colección Caldeirón tras recibir o premio Illas Sisargas de poesía erótica. As palabras que alí están escritas están a punto de incendiar o papel e desexan saír do seu confinamento.

Quen? Acompañarán a Elvira na presentación: Silvia Penas (poeta), Héitor Picallo (ilustrador do libro) e a dj Carina Posse (que porá o vídeo e a música).

Onde? No número 11 do Terzo de Fóra (moi preto da praza da praza de Fernando o Católico, ao ladiño de Urzaiz). Alí, no Bou Eva, local único onde a luz vai de dentro a fóra.

Cando? O próximo sábado día 9 de febreiro, ás 20:30 h (apúntao xa para non esquecer).

 

 

 

Presentación de Transmuta

Xabier Cordal vénnos presentar a súa obra poética Transmuta editada en Xerais. O encontro será este sábado 26 de xaneiro ás 20:30 h.

“Logo de dez anos inédita, non deixamos de sentir a voz de Xabier Cordal: o brillo e a poetencia da súa escrita xa o converteran nun dos nomes máis influentes na poesía galega do XXI. Abre transmuta unha porta azul ao tempo descoñecido, ao gume da intelixencia. E mostra a posibilidade de sermos libres, mesmo na época máis escura, cando se asume o poder de modificar todo discurso. De virar o corazón á herdanza…

 

 

Presentación de “Con gume de folla húmida” de Isaac Xubín

A presentación será o sábado 29 de decembro ás 20h.

Despois do curso de éuscaro que impartirá o venres, Isaac Xubín, autor do primeiro dicionario Galego-Euskara, poeta, tradutor e xogador de rugbi, vénnos presentar o seu último libro de poesía:

‘Con gume de folla húmida’, gañador do Eusebio Lorenzo Baleirón (2011).

Canda el estará o escritor Anxo Angueira e así agardamos por todas vós para despedir un 2012 de poesía, memoria e insubmisión.

“O cabalo e mais eu,
deitados sobre o Boireann,
sen folgos,
elidindo a presenza do verbo, lambendo a mesta escuma da noite
sobre as pedras desfeitas polos golpes dos cadrís,
das nosas coxas.”

Isaac Xubín

 

 

Emily on the road


Este sábado 15 de decembro ás 21:30h Ramón Blanco virános presentar o seu libro Emiliy on the road, editado por Acha Escrava.

“un día tiñamos idea de ir ao oeste a néboa dos teus ollos
 pedía ir ao oeste – farase por húmida dor farase por amor 
aínda que haxa tanto 
que escribir 
idade enferma aínda que doia escarvar no máis fondo da lama 
gardo as cartas que enviabas desde a rexión escura 
desde o fulxente limo metálico da psique 
acórdaste de min – son 
peixes buscando alimento na lama – 
vin para pedirlle que me ensine a sufrir”

 

Iria de Anxo Angueira e exposición sobre embarcacións tradicionais

Anxo Angueira virá presentar a súa última obra: Iria. Tres fíos argumentais tecen a novela que recibe o nome do vello galéon que navega polo Ulla e pola Arousa. Unha sentida homenaxe á xente do mar e da terra que retrata, con autenticidade, as súas vidas e os seus amores.

Aproveitando a presenza de Anxo Angueira, pedímoslle que sexa o anfitrión do serán e que presente os paneis sobre embarcacións tradicionais que amablemente nos empresta a Asociación de Embarcacións Tradicionais de Bouzas. Contaremos tamén coa presenza de Uxío Allo, presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais da Illa de Arousa, para poñer en valor todo o coñecemento que se vén diluíndo na vida urbana actual.

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Galicia Confidencial 

Crítica de Francisco Martínez Bouzas no Faro de Vigo

Presentación do poemario 18

Este venres ás 9 do serán, temos o pracer de presentar no Bou a antoloxía galego-portuguesa de dezaoito autores nun mesmo libro: 18

Iolanda Aldrei, José Manuel Barbosa Álvares, Iria Bragado, Simón Cabo Escribano, José Alberte Corral, Henrique Dória, Dara Escribano Lorenzo, Francisco X. Fernández Naval, Alexandre Insua Moreira, Enrique Leirachá Gutiérrez, Virgílio Liquito, Cruz Martinez Vilas, Fernando Martinho Guimarães, Jaime Moreda Santamaría, Fernando Luis Pérez Poza, Fernando Rodríguez Carpizo, Alfonso Rodríguez Rodríguez e rosanegra (Rosa Martinez Vilas)

Agardámosvos!

Da máquina

O venres 28 de setembro ás 20h Alberto Lema vénnos presentar o seu último libro, que está a recoller moi boas críticas.

Da máquina 

Que pasaría se unha máquina desenvolvese conciencia de seu? Cal sería, en tal caso, a súa opinión sobre a orde establecida?
Unha novela de ciencia ficción ambientada na Galicia do presente pois, segundo o autor, “a apocalipse xa pasou”. Os partidarios e inimigos desta Máquina revolucionaria cruzan os seus camiños, poñen en xogo as súas vidas. Mais só un dos bandos pode prevalecer.

Con elementos do xénero policial, da novela psicolóxica e do ciberpunk, Alberto Lema construé un relato no que se decide nada menso que o futuro da civilización.

Editorial Galaxia

ROTEIRO FÓRA DO SAGRADO sábado 7 de xullo ás 11h da mañá na praza da Ribeira do Berbés

Este sábado 7 de xullo ás 11h da mañá e dentro dos actos que se están a organizar con outros centros sociais de Vigo (Faísca e Revolta do Berbés) a nosa asociación organiza un roteiro urbano arredor do libro Fóra do sagrado, de Anxo Angueira; no que fala do Vigo histórico e actual.

Percorreremos os puntos da cidade que aparecen no libro da man do propio autor.             O roteiro rematará no Monte do Castro e alí comeremos todos xuntos de picnic.

Que cada persoa traia comida!

*Aconsellamos traer calzado cómodo, protección solar ou chuvasqueiro dependendo do tempo que haxa o sábado.


Planeta Indignado. Ocupando o futuro.

 

O xoves 21 de xuño, ás 20 horas, Esther Vivas presenta no Bou Eva o seu libro Planeta Indignado. Ocupando el futuro. Escrita xunto con Josep María Antentas, esta proposta analiza os movementos de indignación en todo o mundo: 15M, revolucións árabes, resistencia grega ou a ocupación de Wall Street son algúns dos procesos de insurrección aos que se achega.

Podedes ler e escoitar en Praza Pública unha entrevista con motivo da chegada de Esther Vivas a Galiza.