‘Música’

FILO-CAFÉ: A MÁSCARA

MÁSCARA

Un filo-café é un encontro libre e gratuíto, un espazo público de troca de pensamento e artes que se organiza arredor dun tema previamente escollido. Nel pode inscribirse calquera persoa que desexe facer unha intervención relacionada co tema escollido, indicando nome, lugar de orixe e área de intervención.
Neste filo-café quen queira ler un texto arredor do tema “a máscara” (nas súas diferentes interpretacións), crear un texto, traballo plástico ou musical, performance, danza… ou simplemente compartir algunha información, reflexión ou opinión que se relacione co tema proposto, poderá facelo.

As inscricións destínanse ás participacións artísticas, remitindo un correo a acboueva@gmail.com
Quen asista como público ou queira trocar ideas durante o filo-café non necesita inscrición previa.

Obradoiro de Musicoterapia

O vindeiro sábado, 27 de decembro, teremos un obradoiro de MUSICOTERAPIA en dúas sesións:
De 17 a 18h, para nenas e nenos desde os 4 anos.
De 18 a 19h, para bebés (de 0 a 3 anos) acompañados polos seus pais ou titores.

A musicoterapia consiste no uso da música dentro dunha estrutura organizada de traballo cun fin terapéutico. É unha disciplina que permite o autocoñecemento de nós mesmas. Nestes obradoiros empregaremos a voz, no canto; o corpo, na danzaterapia, con harmonías e cancións alegres facendo exercicios de sociabilización; o oído, nas audicións, compartindo experiencias con enerxía positiva a través das letras das cancións. Tamén faremos exercicios de respiración e relaxación.

Musicoterapia

Proxección “Memoria, dignidade e loita”


memoria, dignidade e loita

O sábado 2 de agosto proxectamos o documental “Memoria, dignidade e loita” sobre a transición onde convertiron o franquismos e “democracia” e sobre os asasinatos levados a cabo  para escarmentar ao pobo.

Despois do debate posterior ao debate, teremos unha xornada lúdica, con petiscos de balde e música.

Presentación de “Expansión”, de Suso Bahamonde

O vindeiro xoves, 17 de xullo, ás 21 horas, presentarase Expansión. Canda o autor, estará a poeta María Lado e soará a música en directo de Mig Seoane.
En palabras de María Lado:
Expansión é un poemario nacido da necesidade do colapso, estoupar. Unha reflexión sobre a fráxil e azarosa existencia, sobre o lugar e misión de cada pequeno latexo de vida no universo e, en consecuencia, é tamén un libro sobre a extinción, a soidade, a falta, a morte… e o que vén despois, ese universo descoñecido.

Concerto de Xardín Desordenado

Xardín Desordenado é o proxecto de cinco músicos con distintas orixes e diferentes estilos como o Jazz, o Fado e o Rhythm & Blues, que decidiron xuntarse para percorrer librerías e bibliotecas na procura de palabras ás que lle poñer música.

No ano 2012 editaron o seu primeiro disco homónimo: Swing, Blus, Bossa, Bolero con textos de autores masculinos (Fernán Vello, Manuel María, Uxío Novoneira, Pepe Cáccamo, etc) Na actualidade, están gravando o segundo, con textos de poetas mulleres (Olga Novo, Chus Pato, Yolanda Castaño, Marta Dascosta etc.)

O sábado 28 de Xuño, ás 21 horas, as voces de Xardín Desordenado: Santiago Ferragud e Marlene Rodrigues presentarán este proxecto no Bou Eva.
Entrada 3 euros (íntegra para os músicos)

77 anos do asalto ao Bou Eva

77 Aniversario do asalto ao bou Eva

Na madrugada do 23 de abril de 1937, oito homes e unha muller morreron nun dos episodios máis estarrecedores da represión franquista: o asalto ao bou Eva na ría de Vigo. Eran catro comunistas -Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, parella de 30 e 24 anos; Luís Álvarez González, obreiro de Barreras de 30 anos e Camilo Campos Méndez, barbeiro de 33 anos-; tres socialistas -Manuel Martínez Moroño, mariñeiro de 44 anos, e os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo, albaneis de 37 e 30 anos; máis dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao -José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao-.

Sabemos que a intención dos fuxidos era chegar a Francia e, desde alí, trasladarse a algún enclave republicano da España en guerra, como de feito xa fixeran con éxito outras fugas desde o peirao de Vigo. Porén, estes nove antifascistas que, como apunta Manuel Bragado no seu artigo Bou “Eva” publicado no Faro de Vigo en 2012, representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas membros da Garda Civil e da Policía que arrimaron un buque desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os antifascistas non saían, verteron auga fervendo no interior e foi entón cando se escoitaron os disparos procedentes do Eva. Os fuxidos decidiron poñer fin ás súas vidas antes que entregarse para seren torturados e asasinados polos inimigos da democracia. Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, agás Ángel Nogueira, que o tiña na dereita, se ben son numerosos os aspectos aínda por coñecer sobre o acontecido no interior do bou. Este despiadado ataque fascista provocou o maior suicidio colectivo da Guerra Civil e, con todo, foi agochado durante o franquismo e silenciado pola oligarquía política que trazou a Transición, aínda que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica “Unha morte lanzal”, publicada na revista Nova Galiza, en Barcelona, en xuño de 1937. Posteriormente, darían conta tamén nas súas obras poéticas Valentín Paz Andrade e Anxo Angueira.

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo ollamos cara ao peirao do Berbés e decidimos que calquera cousa que fósemos quen de iniciar levaría por diante o nome do bou Eva: na súa memoria antifascista, símbolo de unión e dignidade, debía sementarse o futuro. Así, en xuño de 2011 comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva, situada no Terzo de Fóra, ruela entre rúas, aparcadoiro ou carreiro de asfalto para o que ninguén mira, serpe por debaixo da cidade como por baixo de Vigo latexan desde abril do 37 os nove corazóns antifascistas. Con sorrisos e traballo colectivo, coas portas abertas para o debate desde abaixo, o bou Eva continúa a travesía. Por iso, a Asociación Cultural Bou Eva tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés. Ademais, o vindeiro venres, 25 de abril, ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 aniversario do asalto ao Bou Eva.

Alberto Mvundi en concerto!

Alberto Mvundi (Angola, 1970) é autor, compositor, intérprete e multiinstrumentista (guitarra, armónicas, percusión). O músico non pode nin quere esquecer Angola. Nos seus temas está presente unha chamada á convivencia entre as diferentes culturas. A familia que ficou atrás, os soños de todo emigrante na procura de futuro en Europa, convértense en música que interpreta en portugués ou en kimbundu, a súa lingua africana… Eu vin de là, da África profunda onde a gente canta a pesar do sufrimento.

Pertence a unha nova xeración de músicos angolanos que teñen Lisboa e non Luanda como referente urbano, asumindo outras músicas (rock, jazz) e outros instrumentos sen perder a identidade. Ritmos étnicos coma o kizomba, o kilapanga ou o semba, reggae, mornas… Conforman o seu universo esperanzado, entre Angola e Portugal, agora aterrando en Vigo.

Aquí unha pequena mostra do seu traballo.

Fin de Ano 2013

Na Fin de Ano do Bou Eva, ademais da festa, por 2 euros a rifa, sorteamos unha noite para dúas persoas na Aldea do Portomartiño, desde onde se poden realizar roteiros de sendeirismo ou a cabalo.

O 2014 só pode comezar ben.