‘Outros’

Marchas da Dignidade

O 22 de marzo, desde diversos puntos e nacións do Estado Español, encamiñaranse as Marchas da Dignidade, unha enxurrada de protesta social contra polas políticas antiobreiras da UE, da Troika e do goberno español, que converxerá en Madrid.
O 1 de marzo, nos Capuchinos, en Vigo, ás 18 horas, levarase a cabo un acto desta iniciativa no que intervirá Diego Cañamero, secretario xeral do SAT.
Antes, o vindeiro venres 28 de febreiro, ás 21 h., terá lugar unha charla informativa no Bou Eva, con algúns dos representantes da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade: Estela Miller (Esquerda Unida), Manolo Camaño (Central Unitaria de Traballadores) e X. Carlos Costoya (Sindicato Ferroviario).

Clases de teatro, con Marta Pérez

No Bou Eva, coa actriz e directora teatral Marta Pérez, iniciamos axiña un proxecto que esperamos teña longo alcance: as clases de teatro.
Para concretar os días das clases e resolver cuestións, convocamos a todas as persoas interesadas para o vindeiro xoves, 27 de febreiro, ás 20 h.

Presentación de Punk

O sábado 8 de febreiro, ás 20:30 h., presentarase en Vigo Punk, o primeiro libro de poemas do escritor Samuel Solleiro.
Ten publicado tres libros de narrativa (Elexías a deus e ao diaño, Dz ou o libro do esperma e Gran tiburón branco), ademais de textos dispersos en diferentes publicacións (entre elas, Grial ou Boletín Galego de Literatura). Publicou, ademais, traballos de crítica literaria no extinto Cartafol de libros de Vieiros e no suplemento literario ProTexta. É baixista e guitarrista do grupo de rock Ataque Escampe.
Co autor, estarán tamén Roi Vidal, escritor, e Pepe Árias, editor de Corsárias.

Recital co poeta Isaac Xubín

O vindeiro venres 7 de febreiro, ás 21:30 h., estará connosco o poeta e tradutor Isaac Xubín.
Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo. Viviu en Euskadi para aprender éuscaro. Realizou traducións do éuscaro e publicou un dicionario bilingüe galego-éuscaro. É mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega, e traballou como tradutor, profesor e investigador. É membro das Redes Escarlata. Entre 2009 e 2012 foi lector de galego no Colexio Universitario de Cork. En 2011 obtivo o premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo seu poemario Con gume de folla húmida.
O barco como imaxe da viaxe e a pedra que é raigaña. As letras, ao xuntárense en forma de subtantivo, identifícannos, categorizan e demostran. O libro de bitácora dunha derrota polo triángulo marítimo descrito polas seguintes coordenadas: Galicia, Euskal Herria, Irlanda.

Fin de Ano 2013

Na Fin de Ano do Bou Eva, ademais da festa, por 2 euros a rifa, sorteamos unha noite para dúas persoas na Aldea do Portomartiño, desde onde se poden realizar roteiros de sendeirismo ou a cabalo.

O 2014 só pode comezar ben.

O Valego, de Xosé Henrique Costas

O vindeiro xoves 12 de decembro, ás 20 horas, teremos ocasión de escoitar e de conversar co profesor Xosé Henrique Costas sobre as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura).
“Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso.”, de Brétemas, o blog de Manuel Bragado.

Nin truco, nin trato

Queimada, foliada, castañas, chulas de cabaza… Debaixo da cidade latexa a nave pirata.

Sábado 12 de outubro: AntiHispanidade no Bou Eva

O vindeiro sábado 12 de outubro estamos de festa, si, pero da cultura, da lingua e do asociacionismo de noso!

A banda dos cueiros abre a xornada contra as 13:00 para animar coa súa música a cativos e maiores mentres deixamos todo listo para o xantar, que será ás 14:30 e terá tamén opción vegana.
Ás 18:00 retomamos a sesión con recital de Iago Castro, Silvia Penas, Alberto Lema, Elvira Riveiro, Oriana Méndez e Xabier Xil, canda a DJ nacional, internacional e/ou estratosférica Carina Posse.
Ás 19:30 falaremos con outros centros sociais da cidade sobre a necesidade de fortalecer o tecido asociativo, a experiencia e os novos proxectos.
Ás 21:00 música e petiscos acompañarannos deica o final.

Acabamos con todo

Para baleirar existencias, o material sobrante da pasada II edición do Mercadiño Bou Eva sumado a outro material novo, estarán a 50 cent. entre o 6 e o 8 de xuño

Volve o chambo!

Volve o chambo máis famoso da cidade!!!

Este sábado 1 de xuño a partir das 13 horas temos unha cita coas máis extravagantes gangas da cidade:

Libros, música, roupa e obxectos diversos por prezos que escandalizarían a calquera capitalista… Ademais, faremos petiscos diversos, doces e salgados, para que disfrutedes connosco do vermut, do xantar ou da merenda.

Ghichiñxs de Vigo: vide revolver!