‘Palestras’

Xénero e capitalismo

“As sociedades organizan os corpos de forma produtiva: o xénero é o principal modo de xestión e de rexistro. O réxime heteropatriarcal fundaméntao na reprodución da propiedade privada. Así, o capitalismo, nas formas neofascistas, refórzao ao xeito conservador: por unha banda, isto facilita as subxectivacións escravas, baseadas nas relacións de dominación; por outra, reprime o desexo para que aumente, pois pingües beneficios se obteñen do sexo mercantilizado. Cal é o resultado social disto?”, Rebeca Baceiredo, autora de O suxeito posmoderno (Galaxia, 2006); Repeat to fade (Estaleiro Editora, 2011); A revolución non vai ser televisada (Euseino? editores, 2013).

Sábado, 14 de decembro, 20 h.

Que dereitos temos cando protestamos?

As cargas policiais recentemente vividas na pel do estudantado vigués, colócannos a todas en posición de indefensión. O Colectivo Antirrepresivo Estudantil de Vigo celebra unha asemblea aberta o vindeiro domingo 1 de decembro ás 16:00 h., acompañada dunha charla para tratar cuestións relacionadas coa nosa seguridade e cos nosos dereitos.

Soberanía alimentar, agricultura e alternativas

É razoábel que a alimentación sexa un patrimonio case exclusivo das grandes distribuidoras? Quen pon os prezos dos alimentos? O medio rural é un negocio ao modo capitalista, ou un residuo do pasado que cómpre revitalizar? Modernidade ou retorno, sector agrario ou simple sector económico. Planificación dos recursos fronte ao negocio multinacional.
O rural é unha oportunidade de futuro, pero non só ao modo de produción tradicional, senón como un concepto onde cabe debate, onde cómpre elaborar e pór en marcha iniciativas que muden unha situación actual que se voltou caótica.
A Soberanía Alimentaria como pretexto necesario para elaborar un novo discurso encol do funcionamento agrario e alimentario; a ordenación e xestión dos recursos para garantir o dereito á alimentación dos pobos e os servizos necesarios para as persoas que viven no rural. O rural nun debate imprescindíbel.

Disto e de máis, o sábado 26 ás 20 h. con Árbore, cooperativa de consumo afincada en Vigo; Mariam Ferreira Golpe e Óscar Antón Pérez García, especialistas na análise e no traballo destas cuestións.


Memoria de 1975

LOITA POLA LIBERDADE: REPRESIÓN E ASASINATOS DO ESTADO.

Este venres 27 de setembro ás 20h, con motivo do XXXVIII aniversario do asasinato de Baena, Sánchez Bravo, García Sanz, Txiki e Otaegui, organizamos unha charla coa presenza de Manuel Blanco Chivite e Pablo Mayoral Rueda, condeados, un a morte e outro a 30 anos, no xuízo farsa de setembro de 1975.

Homenaxe a Abelardo Collazo Araúxo

No XXXII aniversario do asasinato do veciño de Teis e militante comunista Abelardo Collazo Araúxo, unha homenaxe á súa figura terá lugar o vindeiro xoves 29 de agosto a partir das 20:30 h. No acto intervirán X. Luís Fernández, membro do Socorro Vermello Internacional, e Xesús Chaves, dirixente de Organización Obreira no ano 1972. Seguidamente, petiscos, confraternidade e o rap contestatario de Pipe Díaz, Oliver Botana e Óscar Sine.

Efecto Bolaño, no Bou Eva

sábado 27, ás 21:30 h., estaremos con Mónica Camaño e Zé Paredes, xente sabia do Teatro e da escena que ademais puido traballar man a man con Roberto Vidal Bolaño. Faremos noso o legado de Bolaño e faremos o mundo entrar nel.
O venres 26 abriremos sobre as 21 h., un pouco máis tarde do habitual, por mor da preparación deste acontecemento mundial que nos revolve o mar a todas…

“MARQUES: Os americanos nunca se decatan de nada.
MANS DE PRATA: Nesta ocasión poida que se decatasen de máis cousas das que pensas.
MARQUES: Teñen novecentos inocentes secuestrados.
MANS DE PRATA: O que teñen é medio mundo pendente deles. Se o que buscaban era chamar a atención, estano conseguindo de moito nabo. Gustaríame verlle a cara a Salazar ou Franco.”
Mar revolto, Roberto Vidal Bolaño.

Debate e poemas contra a megaminaría

O Plan Sectorial de Actividades Extractivas -Plan da Minaría- da Xunta de Galicia vai permitir abrir as portas a novas explotacións mineiras en terreos que até agora estaban vedados, o que responde aos intereses das transnacionais mineiras. Este plan considera a totalidade do territorio galego como explotábel e non estabelece límites para o uso de técnicas agresivas como a cianuración ou o “fracking”.
Este sábado, día 20 de xullo, a partir das 19:30 h., poderemos saber máis a través da palabra de membros de colectivos implicados na defensa do territorio e, ademais, presentaremos o libro Versus Cianuro, no que 75 voces poéticas se unen contra a mina de ouro de Corcoesto.

Palestra Antirrepresiva

Este sábado 6 de xullo, a partir das 20:30 h., terá lugar unha mesa antirrepresiva con colectivos que traballan a prol da liberdade desde distintos puntos de actuación: Que Voltem à Casa, Cárcere = Tortura, Socorro Vermello Internacional e EsCULcA, Observatorio polos Direitos e Liberdades.

Que sentido ten un tribunal como a Audiencia Nacional? Cales son as consecuencias da Doutrina Parot? Existe un tratamento igualitario para todas as persoas presas? En canto a dereitos e liberdades, cales son as caracerísticas da situación actual e cara a onde avanza o sistema?