III Xornada: O Territorio. Territorios apropiados.

O vindeiro sábado 15 de marzo volven as xornadas sobre urbanismo e participación. A partir das 17:30 h.: Territorios apropiados

Resituando os Comúns: A experiencia de O monte é noso_Sachando Mancomún.  Por Alex F. Palicio
O colectivo de O monte é noso_Sachando Mancomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura visibilizar os Montes Veciñais en Man Común e outros Comúns presentes no noso territorio e tamén ás Comunidades de persoas que os xestionan. Como modelo contrastado de gobernanza, a súa existencia ven sendo silenciada malia ser unha alternativa real á dicotomía público-privada. Estes Comúns enfróntase hoxe a cambios sociais, demográficos, tecnolóxicos e económicos aos que precisan dar resposta e nos que deben implicarse as comunidades locais como garantes da sustentabilidade social e ecolóxica dos seus territorios.

Espazo vivido e territorio dominado. Reflexións para a participación cidadán. Por Xosé Manuel Souto González
O espazo é unha dimensión propia da persoa, pois permite a identidade cun lugar e relacionarse con outros individuos nunha colectividade. Pero o espazo sentido e vivido é moitas veces apropiado polo poder (económico, político, cultural) para controlar as accións e a moral dos suxetos e así construir un territorio axeitado aos intereses dos grupos dominantes. Desfacer o entorto da confusión conceptual é un alicerce básico para poder construir unha cidadanía democrática desde a participación.

O periurbano: Territorio Mutante. Martín Barreiro
Os espazos habitados na contorna de Vigo mudaron profundamente no último medio século. Esas transformacións, lonxe do que poida semellar, non foron do todo caóticas.
Veremos algunhas das chaves para interpetar os cambios recentes, e xogaremos con dous escenarios posibles para os próximos anos. Para ilustrar todo isto observaremos a Península do Morrazo.