77 aniversario do Bou Eva

Na madrugada do 23 de abril de 1937, oito homes e unha muller morreron nun dos episodios máis estarrecedores da represión franquista: o asalto ao bou Eva na ría de Vigo. Eran catro comunistas -Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, parella de 30 e 24 anos; Luís Álvarez González, obreiro de Barreras de 30 anos e Camilo Campos Méndez, barbeiro de 33 anos-; tres socialistas -Manuel Martínez Moroño, mariñeiro de 44 anos, e os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo, albaneis de 37 e 30 anos; máis dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao -José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao-.

Sabemos que a intención dos fuxidos era chegar a Francia e, desde alí, trasladarse a algún enclave republicano da España en guerra, como de feito xa fixeran con éxito outras fugas desde o peirao de Vigo. Porén, estes nove antifascistas que, como apunta Manuel Bragado no seu artigo Bou “Eva” publicado no Faro de Vigo en 2012, representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas membros da Garda Civil e da Policía que arrimaron un buque desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os antifascistas non saían, verteron auga fervendo no interior e foi entón cando se escoitaron os disparos procedentes do Eva. Os fuxidos decidiron poñer fin ás súas vidas antes que entregarse para seren torturados e asasinados polos inimigos da democracia. Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, agás Ángel Nogueira, que o tiña na dereita, se ben son numerosos os aspectos aínda por coñecer sobre o acontecido no interior do bou. Este despiadado ataque fascista provocou o maior suicidio colectivo da Guerra Civil e, con todo, foi agochado durante o franquismo e silenciado pola oligarquía política que trazou a Transición, aínda que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica “Unha morte lanzal”, publicada na revista Nova Galiza, en Barcelona, en xuño de 1937. Posteriormente, darían conta tamén nas súas obras poéticas Valentín Paz Andrade e Anxo Angueira.

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo ollamos cara ao peirao do Berbés e decidimos que calquera cousa que fósemos quen de iniciar levaría por diante o nome do bou Eva: na súa memoria antifascista, símbolo de unión e dignidade, debía sementarse o futuro. Así, en xuño de 2011 comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva, situada no Terzo de Fóra, ruela entre rúas, aparcadoiro ou carreiro de asfalto para o que ninguén mira, serpe por debaixo da cidade como por baixo de Vigo latexan desde abril do 37 os nove corazóns antifascistas. Con sorrisos e traballo colectivo, coas portas abertas para o debate desde abaixo, o bou Eva continúa a travesía. Por iso, a Asociación Cultural Bou Eva tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés. Ademais, o vindeiro venres, 25 de abril, ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 aniversario do asalto ao Bou Eva.