O dereito á cidade. Xornadas: Urbanismo e Participación.

Dereito á cidade: recuperamos o concepto inaugurado por Henri Lefebvre nos anos 60 do século XX para reivindicar e reformular aquela proposta crítica, aquela visión do urbanismo como un sistema complexo que integra dereitos, como a vivenda, con factores socio-políticos como a identidade ou a participación pública.

Porque entendemos que o espazo público é cerna do conflito político e da dialéctica, pretendemos cuestionar de que maneira as cidades avanzan no proceso de mercantilización dos seus bens, converténdose, cando menos até o estoupido de 2008, en principal soporte da economía capitalista. Nese sentido, indagaremos no vínculo entre privatización económica e despolitización do espazo público.

Con estas Xornadas, lanzamos a proposta da cidade como un espazo apropiado pola maioría social no que as prácticas de resistencia creen novos sentidos e usos; chamamos por unha ollada poliédrica que percorra a cidade dende a recuperación da memoria ás reivindicacións actuais, que se achegue dende o ámbito teórico e tamén dende a experiencia dos movementos sociais.

Tentaremos, entón, abrir o debate para a construción dunha resposta activa fronte a unha orde urbana imposta.

Tags: