Últimos eventos

ajax-loader

77 anos do asalto ao Bou Eva

77 Aniversario do asalto ao bou Eva

Na madrugada do 23 de abril de 1937, oito homes e unha muller morreron nun dos episodios máis estarrecedores da represión franquista: o asalto ao bou Eva na ría de Vigo. Eran catro comunistas -Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, parella de 30 e 24 anos; Luís Álvarez González, obreiro de Barreras de 30 anos e Camilo Campos Méndez, barbeiro de 33 anos-; tres socialistas -Manuel Martínez Moroño, mariñeiro de 44 anos, e os irmáns Fernando e José Rodríguez Lorenzo, albaneis de 37 e 30 anos; máis dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao -José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao-.

Sabemos que a intención dos fuxidos era chegar a Francia e, desde alí, trasladarse a algún enclave republicano da España en guerra, como de feito xa fixeran con éxito outras fugas desde o peirao de Vigo. Porén, estes nove antifascistas que, como apunta Manuel Bragado no seu artigo Bou “Eva” publicado no Faro de Vigo en 2012, representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas membros da Garda Civil e da Policía que arrimaron un buque desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os antifascistas non saían, verteron auga fervendo no interior e foi entón cando se escoitaron os disparos procedentes do Eva. Os fuxidos decidiron poñer fin ás súas vidas antes que entregarse para seren torturados e asasinados polos inimigos da democracia. Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, agás Ángel Nogueira, que o tiña na dereita, se ben son numerosos os aspectos aínda por coñecer sobre o acontecido no interior do bou. Este despiadado ataque fascista provocou o maior suicidio colectivo da Guerra Civil e, con todo, foi agochado durante o franquismo e silenciado pola oligarquía política que trazou a Transición, aínda que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica “Unha morte lanzal”, publicada na revista Nova Galiza, en Barcelona, en xuño de 1937. Posteriormente, darían conta tamén nas súas obras poéticas Valentín Paz Andrade e Anxo Angueira.

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo ollamos cara ao peirao do Berbés e decidimos que calquera cousa que fósemos quen de iniciar levaría por diante o nome do bou Eva: na súa memoria antifascista, símbolo de unión e dignidade, debía sementarse o futuro. Así, en xuño de 2011 comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva, situada no Terzo de Fóra, ruela entre rúas, aparcadoiro ou carreiro de asfalto para o que ninguén mira, serpe por debaixo da cidade como por baixo de Vigo latexan desde abril do 37 os nove corazóns antifascistas. Con sorrisos e traballo colectivo, coas portas abertas para o debate desde abaixo, o bou Eva continúa a travesía. Por iso, a Asociación Cultural Bou Eva tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés. Ademais, o vindeiro venres, 25 de abril, ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 aniversario do asalto ao Bou Eva.

Marchas da dignidade: un mes despois

Sábado 19 de abril, ás 20:30 h.: Marchas da Dignidade – un mes despois.
Con Manolo Camaño (CUT), Estela Miller (Esquerda Unida) e X. Carlos Costoya (Sindicato Ferroviario).
O pasado 22 de marzo, en Madrid, tivo lugar unha masiva mobilización unitaria e contundente contra as políticas que atentan os dereitos humanos a xustiza social. Unha mobilización contra o pago da débeda, polo emprego digno, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan.  As Marchas continúan.

Alberto Mvundi en concerto!

Alberto Mvundi (Angola, 1970) é autor, compositor, intérprete e multiinstrumentista (guitarra, armónicas, percusión). O músico non pode nin quere esquecer Angola. Nos seus temas está presente unha chamada á convivencia entre as diferentes culturas. A familia que ficou atrás, os soños de todo emigrante na procura de futuro en Europa, convértense en música que interpreta en portugués ou en kimbundu, a súa lingua africana… Eu vin de là, da África profunda onde a gente canta a pesar do sufrimento.

Pertence a unha nova xeración de músicos angolanos que teñen Lisboa e non Luanda como referente urbano, asumindo outras músicas (rock, jazz) e outros instrumentos sen perder a identidade. Ritmos étnicos coma o kizomba, o kilapanga ou o semba, reggae, mornas… Conforman o seu universo esperanzado, entre Angola e Portugal, agora aterrando en Vigo.

Aquí unha pequena mostra do seu traballo.

Historia do centro social Tabacalera

O vindeiro sábado 12 de abril, ás 20:30h, terá lugar no local do Bou Eva un encontro con Silvia Villar, procedente do centro social Tabacalera, de Lavapiés (Madrid), no que intercambiaremos experiencias das relacións coa veciñanza e proxectos de traballo no ámbito do asociacionismo de base.
Para desenvolver ese debate, animamos á participación dos distintos centros sociais da cidade, desde os seus distintos ámbitos de actuación e puntos de vista, coa finalidade de chegarmos a conclusións enriquecedoras para todas.

O dereito á cidade. IV xornada: movementos sociais e espazo público

O DEREITO Á CIDADE.

IV xornada: Movementos sociais e espazo público.

Este sábado día  5 de abril a partir das 17:30h:

18h “Urbanismo e xénero” María Novas

18:30h Dereito á cidade no capitalismo contemporâneo: espazo público e control social.  Borxa Colmenero.

19h Pausa

19:30h As loitas pola cidade e o sitio dos corpos. Carlos Diz Reboredo.

20h Mesa de debate

‘A transformación do noso hábitat baixo o ollo crítico da perspectiva de xénero’, María Novas, arquitecta, é membro de ‘dexeneroconstrución’, un proxecto principalmente divulgativo que pretende achegar a perspectiva de xénero a arquitectura e a sociedade. O fin é o de combater as dinámicas culturais dominantes que ó longo dos anos omitiron as necesidades dos sectores máis vulnerables da sociedade (maiores, mulleres, crianzas…) para, en definitiva, construír cidades máis inclusivas.

“Direito à cidade no capitalismo contemporâneo: espaço público e controlo social” Borxa Colmenero, avogado.

Pretende-se expor, brevemente, as transformações que se produziram no capitalismo contemporâneo, em relação à expansão da “racionalidade neoliberal” sobre o espaço público e o território, numa sorte de fábrica social. Ao tempo que se deslocaram os dispositivos de controlo, dos espaços fechados para os espaços abertos, convertendo às cidades em autênticas cárceres sociais, contras as que parece que só cabe articular um direito à cidade num sentido amplo, de auto-organizaçom e auto-gestom do território.

 

“As loitas pola cidade e o sitio dos corpos” Carlos Diz Reboredo antropólogo, colabora en Zoopolitik.

Partindo da base de que a cidade ten sido historicamente lugar de encontro, conflito e diferenza, lugar do posible e do perigoso, e que a súa trama urbana non fai senón espacializar un conxunto de escenarios do corpo en permanente interacción, nesta presentación atenderemos ás relacións entretidas entre os movementos sociais e a cidade, ás súas transformacións actuais e ás súas formas de protesta, tratando de compreder os seus cambios e interpretar os seus desafíos.

GRITO ROCK Vigo 2014

O GRITO ROCK é un festival mundial colaborativo de artes integradas. No seu nacemento, en Brasil, no ano 2006, tratábase dun circuito cultural que posibilitaba a circulación de grupos musicais por algunhas cidades do país. Co tempo, o proxecto traspasou fronteiras chegando a celebrarse, no ano 2013, nunhas 300 cidades de 30 países. Ao mesmo tempo, a idea orixinaria tamén foi medrando ata o que é hoxe: un festival que non se circunscribe soamentes a concertos de rock, senón que desenvolve actividades artísticas multidisciplinares e participativas.

Este 2014, calcúlase que se celebrar nunhas 40 cidades de 400 países. Vigo estará no mapa do GRITO. O Bou Eva, xunto con outros centros sociais e proxectos alternativos da cidade, colabora con este proxecto:
Domingo 23 de marzo, a partir das 17 horas: Exposición fotográfica, de Rubén ‘Chase’ + Concerto acústico, de Gonzalo Arévalo.

III Xornada: O Territorio. Territorios apropiados.

O vindeiro sábado 15 de marzo volven as xornadas sobre urbanismo e participación. A partir das 17:30 h.: Territorios apropiados

Resituando os Comúns: A experiencia de O monte é noso_Sachando Mancomún.  Por Alex F. Palicio
O colectivo de O monte é noso_Sachando Mancomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura visibilizar os Montes Veciñais en Man Común e outros Comúns presentes no noso territorio e tamén ás Comunidades de persoas que os xestionan. Como modelo contrastado de gobernanza, a súa existencia ven sendo silenciada malia ser unha alternativa real á dicotomía público-privada. Estes Comúns enfróntase hoxe a cambios sociais, demográficos, tecnolóxicos e económicos aos que precisan dar resposta e nos que deben implicarse as comunidades locais como garantes da sustentabilidade social e ecolóxica dos seus territorios.

Espazo vivido e territorio dominado. Reflexións para a participación cidadán. Por Xosé Manuel Souto González
O espazo é unha dimensión propia da persoa, pois permite a identidade cun lugar e relacionarse con outros individuos nunha colectividade. Pero o espazo sentido e vivido é moitas veces apropiado polo poder (económico, político, cultural) para controlar as accións e a moral dos suxetos e así construir un territorio axeitado aos intereses dos grupos dominantes. Desfacer o entorto da confusión conceptual é un alicerce básico para poder construir unha cidadanía democrática desde a participación.

O periurbano: Territorio Mutante. Martín Barreiro
Os espazos habitados na contorna de Vigo mudaron profundamente no último medio século. Esas transformacións, lonxe do que poida semellar, non foron do todo caóticas.
Veremos algunhas das chaves para interpetar os cambios recentes, e xogaremos con dous escenarios posibles para os próximos anos. Para ilustrar todo isto observaremos a Península do Morrazo.