Presentación do proxecto ¨En todas as mans¨

En todas as mans é un proxecto audiovisual ideado desde Trespés Coop., que difunde a realidade dos montes veciñais en man común e que incorpora na dirección a un novo valor do audiovisual, Diana Toucedo.

Os montes veciñais en mancomún son patrimonio milenario. Son iniciativas de economia social e solidaria organizadas en propiedades comunais (veciñais e colectivas) que proceden da pertenza a un núcleo de poboación determinado, con carácter habitual, a parroquia. Polo tanto non son nin propiedade privada nin propiedade pública. Ascomunidades de montes son aquelas organizacións pola que a comunidade veciñal auto-xestiona o monte seguindo critérios ambientais; económicos e sociais. Este tipo de xestión pervive en Galiza e no Norte de Portugal. Na actualidade, desde diversos organismos, como a ONU ou a UE, estase pondo o énfase na necesidade de involucrar á cidadania na xestión directa do seu território. Entendemos que este feito converte os montes en mancomún nun elemento de actualidade que é preciso divulgar e dar a coñecer non só en Galicia senón tamén noutros países, unha experiencia comunitaria que é preciso dignificar e valorar.

      Foron e son obxecto de múltiples ataques de orden lexislativo por parte das institucións estatais e nacionais, e por parte das organizacións que funcionan baixo o ideario capitalista, coa fin de romper o ideario e natureza comunitária da toma de decisións e de xestión dos recursos das comunidades veciñais que os sustentan. Esta titularidade é indivisíbel; inembargábel; imprescritíbel e inalienábel. A transformación socioeconómica da sociedade galega nos últimos decénios co abandono do rural e a progresiva urbanización da actividade económica e da poboación; a progresiva interiorización de valores individualistas e consumistas está levando a un proceso de disolución dos valores comunitarios, esquecimento; descoñecemento e falta de localización deste modelo de organización na sociedade galega.

      Na actualidade ocupan un 20% da superficie do território de Galiza, supoñen un total de 3.000 comunidades nas que se agrupan na volta de 250.000 persoas comuneiras. Achegan o 5% do PIB e só desde o punto de vista forestal xera 26.000 postos de traballo.

Virán a presentalo no centro social Bou Eva o vindeiro venres 15 de xuño ás 20:30h. Se queres colaborar no proxecto aproveita para coñecer de primeira mán os detalles e facer todas as preguntas que queiras.

+info: www.entodasasmans.com

Tags: