Proxección do documental ‘Carga de dignidade’

O vindeiro venres 31 de xaneiro, ás 20:30 h., proxectarase, por primeira vez en Vigo, o filme Carga de dignidade, que recolle unha acción artística popular na que miles de
persoas de Ferrol encheron de pezas de roupa máis de mil metros da reixa de Navantia.
O documental, dirixido por Xosé Bocixa, recolle os feitos que tiveron lugar o pasado 2 de xuño de 2013, cando unha acción unitaria, insólita en Ferrol, onvocada polo colectivo de creadores Radio Buguina co apoio de máis de 30 organizacións de Ferrolterra, conseguiu que varios milleiros de persoas se achegaran á reixa de Navantia para pendurar unha peza de roupa.
Seguindo o exemplo dos buzos de traballo que os despedidos tiñan espetado nos ferros que cercan a factoría, os cidadáns de Ferrol conseguiron encher con roupa máis dun quilómetro de valado nunha acción artística e reivindicativa a prol do Naval.
Durante a acción, Radio Buguina emitiu un programa de radio con varias entrevistas e a música ao vivo de Mercedes Peón, María Manuela e moitos máis. A día de hoxe a reixa segue viva, coas pezas de roupa aínda penduradas e degradadas polo paso do tempo.
O filme será presentado polo seu director, Xosé Bocixa, ademais de por outros membros de Radio Buguina: o escultor Pepe Galán, o profesor Anxo Varela e o deseñador Pepe Barro. Tamén contaremos coa presenza do escritor Anxo Angueira.

Pódese ver a promo do documental aquí.