Xornada I: Facer noso o patrimonio. A quen pertence a memoria?

Facer noso o patrimonio. A quen pertence a memoria?


Achega virtual ao patrimonio de Vincios e da serra do Galiñeiro. Iago Valverde. Cartografías sensibles.
Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro. Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

O Patrimonio dos vencidos: arqueoloxía en comunidades subalternas. Xurxo M. Ayán Vila.
A partir da nosa experiencia etnoarqueolóxica e de Arqueoloxía do Pasado contemporáneo en Etiopía, Chile e Guiné Ecuatorial intentaremos amosar a complexa realidade da Xestión do Patrimonio en contextos rururbanos coloniais e postcoloniais. O papel do Estado e da ciencia nesas realidades non é moi diferente da política “desarrollista”e tecnocrática desenvolta en España no século XX, marcada pola minusvaloración das comunidades campesiñas e a anulación de práticas democráticas comunitarias. Este proceso histórico desenvolveuse tamén coa oposición e resistencia dos grupos subalternos. Neste senso interpretamos os modelos alternativos de xestión do Patrimonio que están xurdindo dende abaixo en Galicia nos últimos anos, algúns dos cais se recollen na segunda parte desta nosa ponencia.

Arqueoloxía social, comunicación pública e redes interactivas: tres experiencias complementarias. Manuel Gago
O patrimonio cultural é por definición un ben e equipamento público e, xa que logo, suxeito a determinadas condicións de transparencia; pola natureza científica da súa intervención, é preciso ferramentas e estratexias de divulgación que non só difundan coñecemento, senón que abran o debate a nivel social cal é a función e o rol dese equipamento público na comunidade e no territorio no que se asenta. A través de tres experiencias de difusión pública levadas a cabo en Galicia, abrimos unha reflexión sobre a construción de discursos científicos e populares e a recuperación de sitios arqueolóxicos na Galicia rural.

Patrimonio Expandido? Experiencias e propostas colaborativas para a súa re-activación. María Masaguer
Expandir o patrimonio, facer que ocupe máis espacio e que chegue a maior número de persoas. pero tamén convertilo nunha ferramenta de traballo para reflexionar e decidir sobre o territorio. O patrimonio entendido non como obxecto senon como coñecemento. Falaremos de Bicomún, como a proposta dunha categoría mancomunada de protección patrimonial, e das grafías semánticas-cartografías colaborativas, como unha fórmula colectiva de entender a relación pasado-presente-futuro.

Tags: